29/01/14

Charlas en versión beta


Esta semana, o luns, fun por primeira vez visitar institutos para falar de Bágoa de Lúa.

As outras veces que tiven que falar en público do meu libriño, fun na compaña de Francisco Castro, que me introduce con engaiolantes e ben fiadas verbas. E iso axuda a meterse en materia e dar enchido o tempo e os ocos da cabeciña.

Desta volta, sen rede nin trampolín, tocoume estar soa, aínda que non ante o perigo, senón ante os rapaces e rapazas de dous centros de ensino: o IES Pintor Colmeiro, de Silleda, e o IES Daviña Rei, de Monforte.

Aínda custa un chisco falar do que unha escribe e ir fiando como naceu a historia, como logrou ser un libro, por que escribo (por que fago calquera outra cousa que fago?), pero disfrútase moito tendo as reaccións e as opinións de lectores e lectoras tan preto. Puiden contar máis cousas de como naceu o reino de Landereina, os nomes cos que tanto vos toleo, o brasón que decora a portada do libro... E puiden tomar moitas notas mentais de como mellorar o meu discurso para o futuro, para pasar desta versión en beta, esta versión de probas, a unha charla algo mellor feitiña. Por iso, pido desculpas pola inexperiencia e agradézovos a oportunidade.

En Silleda, estiven cos alumnos e alumnas que fixeran as críticas do libro das que xa vos falei, na compaña de Gracia, de Trafegando Ronseis. Despois de falar, asinei algúns exemplares do libro, así que xa hai algún Bágoa de Lúa máis co seliño da lúa por Galiza adiante, e tamén me fixeron unha entrevistiña para a radio do centro. En Monforte mesmo puiden escoitar un rap sobre Berenguela e Güenaela (nota mental: pedir unha copia, a ver se vola podo enseñar).

Non houbo moitas preguntas, e iso, crédeme, fai máis difícil sacar historias que contar, as anécdotas e curiosidades nas que non reparara ata que alguén pregunta o que acende a chama, pero se cadra iso me fixo lembrar con máis forza os meus anos de instituto (porque non, o máis probable é que eu non preguntase nada tampouco... aínda que máis tarde, ás veces, me arrepentise).

Pero agora, no anonimato, se vos animades, os comentarios son todos vosos!
Que máis vos podo contar desta aventura?






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que te contas?