Amosando publicacións coa etiqueta entrevistas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta entrevistas. Amosar todas as publicacións

25/02/14

Bágoa de Lúa no club de lectura do CPI Progreso (Catoira)

Foto tirada do blog do club de lectura


O outro día recibín, tras un contacto por Twitter, un correo do club de lectura do CPI Progreso, de Catoira. Os rapaces e rapazas do club estiveron lendo Bágoa de Lúa e tiñan algunhas preguntas que facer.

Aquí vos deixo as respostas que lles din. 

Grazas ao club de lectura do CPI Progreso (pasádevos polo seu blog!) polas súas preguntas!






1.- Como se che ocorreu esta historia?

A historia de Berenguela e Güenaela saíu dun conto pequeno que se me ocorreu hai máis de dez anos. Imaxinei (ás veces as ideas aparecen nos miolos porque si, supoño) un rei dos típicos de conto, gordecho, barbudo e moi bo ao que quixen chamar Bogardo. Dinlle voltas á historia, pero na miña mente Bogardo era tan bo, que non lle pasaba nada interesante. O interesante, pensei, podería estar arredor del. Tantas voltas lle din que o meu contiño quixo ser libro: inventeille a familia enteira e púxeno nunha terra imaxinaria (parecida á nosa en moitas cousas, pero imaxinaria nunha morea de aspectos), sufrindo por mor dun legado familiar. Con moitos dos personaxes finais en mente, pareceume máis interesante que a aventura a vivisen unhas rapazas que así poden demostrar a súa valía. Gústame que as una o destino e gústame velas medrar como persoas. Os adultos son máis aburridos para algunhas cousas...
En fin, pasei moitos anos engadindo cousas, cambiándoas e quitándoas ata dar co que agora son As Crónicas de Landereina. Sempre me custara escribir cousas máis longas ca un relato de poucas páxinas, así que pasei moito tempo a perfilar que quería contar. Iso si, tardei anos porque fixen moitas máis cousas, non porque se tarde tanto tempo en escribir un libro!  

2.- Por que usaches seres fantásticos para esta historia?

Moitas das eleccións que se fan escribindo e inventando unha historia non teñen un motivo concreto que se recorde. Se me paro a pensalo, moito tivo que ver con que me gustan as historias de fantasía (todas as ficcións, case, a dicir verdade) e coas miñas lecturas do momento, ou coas películas e series que poñían daquela.
De sempre, gustoume moito a mitoloxía, especialmente a nórdica e a celta, e certos seres fantásticos proceden delas. Por outra banda, penso que son moi interesantes e que engadir monstros e criaturas fantásticas dá moito xogo. É unha crueza moi distinta á da realidade pero coido que un bo reflexo. 

3.- Como se che ocorreron eses nomes tan complexos?

Poido resumilo dicindo que son un pouco "friki"... Gústanme moito os idiomas e procurar palabras raras, a etimoloxía das palabras e dos nomes de persoas, e inventar cousas. Se xuntas todo iso, saen unhas cantas tardes moi divertidas poñendo nomes raros. 
Algúns nomes son reais: Berenguela, Güenaela (adaptado do bretón, Gwennaëlle), Alfhildr (é un nome nórdico antigo), Bjarne (diminutivo antigo de Björn, que significa "oso"), etc.
O resto son inventados, algúns baseándome en nomes reais, xuntando varias ideas de nomes e cambiándoos para que soen ben (ou mal, según apeteza), outros collendo unha característica do personaxe e buscando esa palabra noutros idiomas, para logo darlle algunha volta e adaptala... Por exemplo, os nomes dos centauros veñen da cor da súa pelaxe. Busquei a cor en varios idiomas nun tradutor e logo adaptei a palabra. "Ciemny" é escuro en polaco. A día de hoxe, non lembro de onde saíron moitos deles: unha vez que collen forma e imaxinas á personaxe con el, é difícil deixar de velo como un nome de verdade.
Ah! E Sirvian vén do nome dunha aldea de Pontevedra. Nunca estiven, pero o autobús Vigo-Lugo pasa por un cruce no que pon Sirvian nun sinal.
Botade un ollo en behindthename.com e veredes que hai nomes reais xa abondo complexos de seu! 

4.- En quen te inspiraches para crear a Berenguela e a Guenaela? E... cómo é fisicamente Berenguela?

Inevitablemente, inspireime en xente que coñezo, supoño.
Berenguela, na miña cabeza, é unha rapaza tirando a normaliña, nunha primeira ollada. Gústame que non chame a atención. Non é moi alta, nin moi baixa, nin delgada, nin gordiña. Ten o pelo castaño claro, máis ben liso, os ollos verdes (pero dun verde pouco brillante, que ás veces un non sabe se son grises, verdes, ou escuros... e aquí baseime nos meus, que son verdes pero ninguén se dá conta), e a pel tirando a clara. O que máis me gusta dela é que xesticula moito e é moi expresiva, ademais, le ben á xente e ten moita empatía.
Güenaela leva moitas cousas inspiradas na miña irmá, aínda que no carácter non se parecen en nada. Pero si leva os cabelos lacios e claros, os ollos dun azul moi claro e intenso e a figura moi finiña. É máis alta ca a miña irmá, porque me gusta que sexa unha figura desgarbada á vez que é áxil, de apariencia fráxil pero moi forte.

5.-Tiveches que facer algún borrador?

He, he, algún? Uns cantos! Tomei notas á man, escribín no ordenador, corrixín en papel, corrixín na pantalla... Hai que revisar moitas veces: ler por partes para ver se están ben, lelo todo xunto varias veces para ver o conxunto, buscar grallas, buscar faltas, erros de sentido... Hai moitas versións previas antes da final. Para min, ademais, é moi importante dividir a historia e ir repasando cada certo tempo e tamén tomar notas lonxe do ordenador, darlle voltas ás cousas antes de sentar e tomalas como referencia para seguir escribindo.
Nesta entrada do blog podedes ver parte da papelada coa que acabei (e unha ilustración que fixo un amigo meu de como imaxino a Güenaela).

6.- Por que hai dúas liñas de tempo e non unha? Non sería máis sinxelo se só fora unha?

Sería, si, pero resultaría moi aburrido contar a historia de xeito lineal. 
De feito, a historia cóntase en diferentes tempos porque existe un paralelismo en certas cousas entre o que aconteceu no pasado e o que está a acontecer: un descubrimento, unha viaxe, unha batalla... Se se contase de maneira lineal, non habería ningunha sorpresa!

7.- Como se che ocorreu a xeografía da historia?

Como ben se lle ve, a cabra tira ao monte: mirando os nosos montes e rías en Galicia. Aínda que vivo en Vigo, eu son de Cervo (Lugo), e cando vou visitar a meus pais atraveso case toda Galicia. É difícil non inspirarse vendo vilas, montes e costas de aquí. Ademais, en Cervo, imos pola beira do río pasear á cadela e aí é inevitable imaxinar ás rapazas camiñando...



E vós, tedes algunha pregunta?
Lémonos!

17/02/14

Cuestionario Proust en Caderno da Crítica


O sábado día 15, o amigo Ramón Nicolás publicou no seu (imprescindible) blog, Caderno da Crítica, as miñas respostas ao cuestionario Proust que dende hai uns meses se convertiu nunha interesante sección do seu blog.

Se queredes saber algo máis de min, podedes velo aquí.

*Editado (2014): Non lembraba que xa fixera un cuestionario destes hai tempo... Arrincoume un sorriso ver que respostas se mantiveron e cales cambiaron... Podedes lelo aquí.
e cumpren.

13/02/14

Calendario do Libro e da Lectura

A finais de xaneiro, a AELG e a AEG comezaron a espallar o calendario que vos traio. Aínda que se trate dun calendario adicado a profesionais do sector do libro, seguro que moitos e moitas de vós o atopades interesante, que por algunha feiriña do libro se haberá que pasar este ano!

Eu xa anotei as datas importantes nun dos meus calendarios, a ver se este ano me animo a completalo tamén coas datas de publicación e fallo dos certames literarios e o podo compartir con vós.

Podedes botarlle un ollo e descargalo aquí, ou na propia imaxe que vos achego.

10/02/14

Obradoiros literarios en La Voz de Galicia

Esta fin de semana, La Voz de Galicia publicaba un artigo sobre a formación en escritura creativa  no que falaba, entre outras iniciativas, dos obradoiros que imparte, dende 2003, Francisco Castro.

Dado que eu asistín a uns cantos deses obradoiros, unha entrevistiña miña acompaña o artigo (aquí), e xa vedes que non podo dicir máis que marabillas da experiencia.

Se vos gusta escribir ou se queredes coñecer mellor o proceso da escrita, recoméndovos estes obradoiros. Agora mesmo está aberta a inscrición para un de iniciación e un de perfeccionamento. E seguro que haberá máis!

24/10/13

Entrevista no ZigZag Diaro




Xa pasou algo de tempo dende a miña última entrevista, pero aquí volvo cunha nova: este luns pasado, 22 de outubro, adicáronme un corte no ZigZag Diario da TVG2 que podedes ver neste enlace.

Coma sempre, está engadida na galería do blog, no apartado de entrevistas.

Lémonos!



04/09/13

Ollo coa reentrada...

...que iredes dando botes :) 
Iso supoño que será se tivestes vacacións. Eu aínda non tiven vacacións "de verdade", pero si que puiden descansar un chisco. Aínda que tamén fixen cousas...
 Lembrades o álbume que me regalaron? Por fin tiven un anaco para ir enchéndoo dos recortes das entrevistas e outras aparicións. Sobra dicir que o fixen con menos xeito que a artífice do agasallo, pero non con pouca ilusión. Segue a ser abrumador verse en papel impreso e aínda queda o outono por diante para seguirmos a promocionar Bágoa de Lúa, así que espero poder seguir enchendo as páxinas para o recordo.
Agosto foi mes tranquiliño (tampouco viña nada mal), pero xa logo volvemos con forza.

Abonda de min. Que tal o voso verán? Listes algo interesante? Contádeme! Os comentarios son todos vosos.

Que teñades unha boa entrada de setembro :)
Lémonos!



26/08/13

Novidades na Galería

Nas últimas semanas houbo algunhas aparicións en prensa de Bágoa de Lúa (e de min, que vou no pack, claro).

Xa vos falara da reseña de Ramón Nicolás no seu blog , pero estes días engadimos varias cousas, como o escaneo da reseña na edición impresa de La Voz de Galicia.
Tamén, con certo atraso, colgamos a entrevista feita para a Radio Galega o pasado sábado día 10 de agosto, no programa Somos Quen (atoparédela no minuto 32' 10") e outra entrevista máis publicada en El Progreso.

Ímonos poñendo ao día de aparicións en prensa e non só na web, senón tamén neste álbum tan bonito que me regalaron. Así dá gusto!

02/08/13

Recordatorio & novos contidos

Que nunca está de máis lembrar as cousas!

Como sabedes, hoxe estarei en A Coruña na Feira do Libro presentando Bágoa de Lúa. O acto, ademais, emitirase en streaming e poderanse facer preguntas empregando a etiqueta #landereina no Twitter.

E aproveito para dicirvos que os contidos da galería seguen a medrar: temos a entrevista con Localia Vigo e máis a da Revista Dot:.

Boa finde! Lémonos!

23/07/13

Máis novas

Que rápido pasan as cousas!

Unha nova crítica
Hoxe fixen a miña primeira entrevista para a tele, podedes vela hoxe en Localia Vigo, no programa Plató Abierto (ás 18:30 e ás 21:00).

E as boas novas seguen chegando, onte, en forma de reseña da man de Sermos Galiza e Mario Regueira (xa na galería, e aquí).

Ademais, vouvos avisando de que estaremos con Bágoa de Lúa na Feira do Libro de A Coruña, o día 2 de agosto ás 20:00 (non vos vai esquecer, que o penso repetir).

Seguiremos informando! 



15/07/13

Novas!

Hoxe foi día de moitas cousas!

Para comezar, o blog de Editorial Galaxia publicou un artigo de opinión meu (e esas cousas sempre molan).

Tamén se publicou unha nova reseña de Bágoa de Lúa: xa lles fixemos sitio ás reseñas na páxina da galería, esta podes lela tamén no blog de Lectureka!.

E ademais fixen unha nova entrevista, desta volta, para RNE. Podedes escoitala na Crónica de Galicia de hoxe, aló polo minuto 14'30" (e si, xa sei que teño que ir collendo máis soltura, pouco a pouco!)*.

Seguimos traballando! Boa semana!

*Actualización 17/07/2013: Neste enlace temos o corte da entrevista completa.

10/07/13

Entrevista en La Voz de A Mariña

A foto da entrevista, feita por Janite



Por certo! O pasado día 3 de xullo saíu a miña primeira entrevista impresa. Foi na edición de A Mariña de La Voz de Galicia.

Na hemeroteca virtual non aparece, pero temos unha copia escaneada na galería deste mesmo blog: aquí! 

Lembrade que na galería  iremos subindo todas as entrevistas, fotos e videos.

Lémonos!

09/07/13

Bágoa de Lúa na Feira do Libro de Vigo

Como xa vos avisara no noso Facebook e no Twitter, este sábado 6 de xullo, na Feira do Libro de Vigo, presentamos Bágoa de Lúa, primeira parte de As Crónicas de Landereina.

Foi un día de tremendísimo calor en Vigo e aínda así veu un montón de xente! Non cansarei de dar as grazas a todos os que pasaron por alí, á miña familia, por suposto e, como non, a Francisco Castro e a Ledicia Costas, que me deixaron sen palabras cos seus fermosos discursos.
 A verdade é que estiven nerviosa, emocionada, acelerada... Foi un cúmulo de emocións e gardo o recordo de non parar de sorrir en ningún momento.

Despois da presentación, estiven asinando libros na caseta da Editorial Galaxia. Levei o selo que fixen para a ocasión e adiquei uns cantos exemplares! E ao rematar, fixéronme unha entrevista para Libros Lectureka!, un blog xenial sobre libros que vos recomendo! Se queredes ver a entrevista, podedes ir á galería ou clicar aquí.


Déixovos unhas fotiños do momento! E se non puidestes pasarvos... se cadra podedes vir á próxima. Será na Feira do Libro da Coruña, mantereivos informados!