01/10/14

Un blog para unilos a todos

http://sabelagonzalez.com
Levo ben meses sen pasar por este blog, seino. E tampouco é que estivese coidando moito da Gramática de Corpos, a verdade, pero ás veces o tempo non dá para todo.

Unha das cousas nas que invertín ese tempo (ademais de escribir, traballar e, faltaría máis, estar de vacacións) foi en preparar a nova imaxe do meu blog principal, Gramática de Corpos.

A renovación do blog non é só visual: no canto de ter perfís e blogs esparexados pola rede, toda a información, entradas, etc. está agora xunta nun só sitio:
unha páxina persoal ubicada en sabelagonzalez.com. 

As entradas deste mesmo blog están transferidas a esta nova Gramática de Corpos, ademais das entradas do que xa leva sendo o meu blog dende 2009.

Iso si, toda a información das Crónicas seguirá aquí dispoñible e actualizada coas novidades que xa vos irei contando (moi pronto!).

No Twitter, manterase o meu perfil @BelukaGramatica. E tamén poderedes pasarvos polo Facebook, por Pinterest (que ten cousas ben bonitas :D) ou por Google+.


Vémonos en sabelagonzalez.com!

22/05/14

Visitas de maio

Esta semana pasada, a semana das letras, fixen unha pausiña escritora (velaí o motivo polo que me prodigo pouco polas redes...) e tiven o pracer de visitar o IES Sanxenxo e o Colexio Los Sauces, de Vigo.


Paseino moi ben nas dúas visitas. Foron deses actos que se fan sinxelos xa só pola boa actitude dos rapaces e rapazas (e do persoal do centro, claro!) e grazas á cantidade de preguntas e comentarios.


Asinei tropocentos exemplares, pero tamén en marcapáxinas e anacos de papel e foi un día xenial, que vos vou dicir!



Aquí tedes un par de fotiños, para o recordo. En canto teña o video da entrevista que me fixeron en Sanxenxo tamén o deixarei por aquí.

Grazas a todos e todas!!

Lémonos!

30/04/14

Feira do Libro de Santiago

Parece que estou desaparecida (aínda que algo si que me pronunciei pola Gramática e por Twitter) pero o certo é que vos ando abondo ocupada. E ocupada, neste caso, quere dicir "landereineando". O segundo tomo das Crónicas de Landereina está engordando cada día, facéndose e dourándose pouco a pouco.

Por iso, e como se achega o momento, no meu próximo encontro, acompañada de Francisco Castro, lerei as primeiras páxinas desta nova entrega. O acto será esta fin de semana, o domingo 4 de maio, ás 20:00, na Feira do Libro de Santiago. Vídesvos?

E se queredes estar máis ao día das feiras e estas cousiñas de libros, botádelle un ollo ao calendario do libro deste ano, aquí.