23/12/13

Lecturas para o Nadal - Boas festas!

Chegan as vacacións de Nadal e con elas un merecido descanso.

Marcho de visitas familiares e celebracións varias e estou aínda dándolle voltas ás lecturas que levar. O meu montón de lecturas pendentes foi medrando ao mesmo tempo que minguaba o meu tempo libre, pero se cadra estes días de chuvias (segundo a predición meteorolóxica) e festexos dará para se botar no sofá cunha manta, un té con leite e un novo libro por descubrir. Confeso que tamén me conteño á hora de comezar un novo libro porque como me enganche sei que non vou dar feito nada máis ata que o remate... Que se lle vai facer.

Empecei a follear The Graveyard Book (O libro do cemiterio), de Neil Gaiman, pero non sei se aparcalo e comezar con outro, por variar de fantasía, se cadra. Este autor, Neil Gaiman, é un autor de fantasía do que lin moi boas críticas: é o autor de Coraline, o libro no que se basea a peli do mesmo nome, moi recomendable. Con esa información por diante, téñolles moitas ganas aos tres libros que escollín, sobre todo a Neverwhere, que plantea a existencia dun Londres alternativo baixo o Londres real (interesante, non?). Xa vos contarei que me parecen!

Por outra banda, teño outras tres ideas de lectura fóra da fantasía xuvenil. Un é O corazón da branca de neve é o último libro de Francisco Castro, a novela gañadora do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia deste ano. É unha novela negra que promete ser entretetida e da que tamén lin críticas moi boas. O que máis me apetece é 1984 de George Orwell, todo un clásico que leva na miña biblioteca tempo de máis sen ser lido. Cos tempos que corren, ademais, penso que igual que apetece fuxir da realidade, apetece tamén ás veces a dureza dunha ficción futurista (no seu momento érao!) que nos faga cuestionarnos como imos acabar... Por último, a nova incorporación ao montón é La verdad sobre el caso Harry Quebert, recomendado e non recomendado a partes iguais por amigas que o leron, de aí a gran curiosidade de ver que penso eu.

E vós? Que lecturas tedes pendentes? Como decidides cal é o voso seguinte libro?


Boas festas e ata o ano que vén! *<[]:^)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que te contas?